4.7.09
As incertidumes de Carlos Certo (Mes D)
Estou canso de preguntarme anualmente "E agora que?" para ir tirando. O paro descendeu en xuño pero voltará a subir cando rematen os parches á construción. A cousa está moi mal e o pragmatismo entabla unha dialéctica co soño. Eu sigo persistindo no proxecto e agardo que a solución híbrida chegue ao meu mail antes do 10 de xullo, consciente de que pode ser unha especie de "Plan E", de bastante pan para hoxe e fame para o ano seguinte. E de non chegar? Pois de novo haberá que darlle resposta a un improvisado E agora que?
Etiquetas: Incertidumes
2.7.09
Acción web (Mes E)
Novos contextos:
Do nomadismo e a mascarada dos primeiros tempos da rede pasouse ao individuo localizado e situado a través das redes sociais como Facebook.
Etiquetas: Acción web
30.6.09
As incertidumes de Carlos Certo (Mes D)
Como me pasara o ano pasado, perdo un dos piares que sostiñan a miña fraxilidade nesta estadía madrileña. Despedino hoxe na Estación de AVE de Chamartín. Vaise de Madrid polo menos durante dous anos. O que lle agarda ao outro lado do Atlántico é mellor que o que deixa atrás.
Estas despedidas cúbrenme dunha sensación de ausencia, de novo comezo. Para moitos Madrid é soamente unha estación de paso da xuventude. A miña xuventude está a piques de marchar pero eu todavía ando por aquí. ¿Ata cando?
Etiquetas: Incertidumes
27.6.09
Die stille vor der Metro -anotación en progresión- (Mes C)
Quedaban seis minutos para que chegara o próximo tren e era estraño sentir o baleiro desa gran estación de MetroSur. Soamente as escaleiras eléctricas se movían, todo estaba en silenzo pero o silenzo lonxe de producir quietude producía inquedanza.
Entro no vagón baleiro percorrendo estacións desertas sen fin, decido ir pasando de vagón a vagón, aproximandome á máquina para comprobar se alguén ou algo acciona os mandos do tren.
No medio da ausencia os asentos libres e as barras semellan ruinas da prehistoria. Miro os múltiples itinerarios na parte superior do vagón. Miro como o meu rostro se reflicte no cristal de seguridade. Vexo como a luz branca e eléctrica faime palidecer. Pouso unha man sobre un respaldo e respiro antes de continuar. Non son o único en respirar nese momento. Miro atrás.
E a historia continúa como ti queiras...
(deixa a túa continuación nos Comentarios).
Etiquetas: Die stille vor der Metro
25.6.09
Arredor do Reina (Mes B)
Con esta anotación número 28 xirando satelitalmente (ás veces máis lonxe ás veces máis perto) arredor do Reina paso páxina e remato esta sección. Hoxe é un bo día para facelo.
Pola mañá, tras ver as obras de Carlos Velo que están expostas na colección e algún NODO que trataba sobre arte, baixei á reserva do Reina. ¡Que diferenza coa do Prado! No Prado abrían un peite e saía un Rubens aquí abrían un peite e con sorte podías ver un Feito. O Reina ten unha ampla colección de obras pero non sempre máis e máis. Moita doazón de segunda e pouca política coherente de adquisicións. Unha cuestión que deriva dun problema da súa identidade nómada demasiado cercana ao xestor cultural de turno ¿Que tipo de museo é o Reina? Parece que Borja-Villel teno bastante claro (¿demasiado?) e quizáis sexa o director que máis se achegue a dar resposta a esta pregunta.
Pola tarde entrego os papeis dunha bolsa para realizar un curso de verán que organiza a Fundación de Amigos del Prado. Pouco despois de entregalos, mándanme un mail dicindo que non podo optar á bolsa porque non son alumno da Complutense (para os que había vinte bolsas) nin entro dentro do apartado de "estudiantes iberoamericanos" (para os que había dez bolsas) e eu que pensaba que Galicia formaba parte de Iberoamérica.
Despois quedo cun amigo para ver (de novo) a colección do Reina. Vou andando dende casa e paro na libraría da Fimoteca onde escoito este curioso comentario: "Los libros sobre Marlon Brando no se venden nada, los que se venden bastante bien son los de James Dean, que sigue siendo un mito". Pois Brando era bastante mellor actor.
O meu amigo, recén aterrizado de Compostela, faime un agasallo que recollo con especial ilusión: a tradución dos poemas de Safo ao galego (editorial Positivas).
Entramos no museo por Nouvel. Vemos a sala "La Contemporaneidad" (que segue sen convecerme) e a da arte dos sesenta e setenta da colección (a máis sólida de todas as da exposición da colección permanente).
Subimos polo ascensor da fachada principal, pensado para darlle ao Reina unha estética "Sofidou", e recorremos a última remodelación do contexto do Guernica. O peso do audiovisual é menor que na primeira gran reforma que imaxinara Borja-Villel. Xa non está a sala na que se proxectaba Canciones para después de una guerra (Basilio Martín Patino, 1972) que reunía a un curioso número de espectadores interxeneracionais. Tampouco está a película de Alain Resnais Guernica que antes se podía ver nun monitor de plasma que tiña diante un banquiño (detalle importante).
A sala do pavillón español de 1937 xa non se atopa xusto en fronte do Guernica, perdendo peso en favor dunha proposta máis formalista e menos contextual. Tamén se modificou a sala onde se podía ver en pantalla grande Espagne 1936, que establecía unha curiosa dialéctica coa obra de Picasso. Agora esta creación audiovisual pódese seguir vendo nunha pantalla plana na que se pasa en loop xunto con obras de Carlos Velo e Ramón Biadiu, ás que a xente fai caso pero logo se vai porque cansa de estar de pé. Unha mágoa de exhibición porque esta selección de películas é ben interesante.
Así, a pesar da incorporación dos carteis da época, de debuxos e gravados sobre a guerra, de imaxes fascistas (aínda que sexa tanxencialmente e en vitrinas) e da nutrida presenza de fotografías o contexto expositivo do Guernica é menos atractivo e moito máis convencional.
Por último, paseamos tranquilamente pola planta cuarta. Disfrutamos especialmente da sala de fotografías "neorrealistas" cuxa disposición rompe un pouco a monotonía tradicional do resto de salas.
A nosa conversa sobre o futuro máis presente continúa fóra do museo nun restaurante de comida rápida e finalmente nos despedimos nunha das paradas da liña un de metro.
Etiquetas: Arredor do Reina